O sector turístico galego fai balance positivo dunha Semana Santa marcada pola climatoloxía adversa

Semana Santa Santiago

O sector turístico galego fai balance positivo dunha Semana Santa marcada pola climatoloxía adversa

Consideran que o destino turístico foi capaz de contrarrestar o tempo inestable cunha sólida oferta turística cultural, enogastronómica e termal que consolida a marca Galicia

O sector turístico galego fai un balance positivo da Semana Santa e iso a pesar das difíciles condicións climatolóxicas sufridas especialmente durante os días festivos. A falta de recompilar os últimos datos relativos a puntos onde hoxe aínda é festivo, o sector considera que podemos falar dun rango de ocupación media a nivel galego que se situaría na pinza de entre o 65% e o 80% do total das prazas ofertadas. Non se cumprirían así as altas expectivas xeradas en base á tendencia crecente nos últimos exercicios pero as cancelacións non foron tan altas como cabería esperar, especialmente se temos en conta as malas condicións do xoves e venres santo, polo que desde o Clúster Turismo de Galicia considérase que o sector aprobou este primeiro exame da tempada con bastante boa nota.

“Tendo en conta todo o que tiñamos en contra, creo que Galicia respondeu moi ben como destino turístico, demostrando que un destino multiexperiencial que non depende do sol e praia, se non que ofrece un amplo abanico de experiencias turísticas que van desde o termalismo á enogastronomía para responder as expectativas dos viaxeiros”, asegura o presidente do CTG, Francisco González, que destacou o bo facer dos profesionais turísticos galegos. “Galicia demostrou nesta semana Santa que baseándose noutros atractivos é capaz de superar unha conxuntura tan adversa como a que se deu nesta ocasión”.

Bo comportamento do interior e os destinos turísticos relixiosos
A nota máis positiva nesta semana Santa marcada pola climatoloxía xerárona Ourense, Ferrol e a Mariña Lucence (especialmente Ribadeo) onde as ocupacións chegaron ao 90%, grazas ao turismo relixioso, termal e de neve. Santiago e Lugo tamén superaron o 80% de ocupación, a Coruña alcanzou o 75% mentres que a provincia de Pontevedra roldou o 70%, animada por competicións deportivas e outros eventos. Inclusive os destinos de costa da provincia de Pontevedra (Sanxenxo, O Grove…), con máis da metade das súas prazas abertas, conseguiron marcar unha ocupación do 60%, demostrando unha boa capacidade de resposta ante unhas condicións climatolóxicas que afectaban máis especialmente aos destinos tradicionais de sol e praia. Finalmente, o turismo rural tivo unha ocupación do 42% , quedando lixeiramente por baixo da ocupación prevista.
No relativo aos prezos, mantivéronse a tendencia crecente aínda que algúns establecementos realizaron ofertas de última hora para lograr mellorar a ocupación e contrarrestar caidas. As cancelacións foron menores do previsto, pero producíronse a anulación dalgunha noite, afectando á duración da estancia.

Máis aló de cifras de ocupación
Desde o Clúster do Turismo de Galicia lembran que as últimas cifras de visitantes recollidas en xaneiro e febreiro falan de incremento respecto das mesmas datas do ano pasado, polo que as expectativas son altas con respecto ao conxunto do 2018, con especial incedencia no caso do mercado internacional, que segue en crecemento. Con todo, o presidente do Clúster do Turismo de Galicia chama a atención sobre a necesidade de ir máis aló dos datos de ocupación. “Debemos preocuparnos pola calidade e por seguir traballando pola desestacionalización e polo incremento da rendibilidade”, asegurou.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn