O sector turístico do norte denuncia que se agrava ?a discriminación? ferroviaria nestes territorios

Photo by Nicolas Postiglioni from Pexels

O sector turístico do norte denuncia que se agrava ?a discriminación? ferroviaria nestes territorios

Por contra a rede aeroportuaria de Galicia conclúe con marca en número de viaxeiros, con subida nas terminais de Alvedro e Lavacolla

As asociacións de hostalaría e turismo de Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, integrantes da plataforma empresarial denominada ‘A forza do norte’ denuncian “a inaceptable discriminación” que sofre a zona no que se refire ao desenvolvemento da comunicación ferroviaria. O documento feito público por esta entidade destaca a precaria situación na que se atopan estes territorios que non contan con conexión ferroviaria de alta velocidade con Madrid, á vez que reclaman o novo Goberno a posta en marcha dunha política activa para o desenvolvemento destas infraestruturas no norte da península.

As patronais hostaleiras tampouco esconden o seu receo ante a recente situación acontecida coa venda de billetes entre León e Madrid ou cos atrasos e problemas técnicos que se suceden noutros tramos, como o de Madrid-Xixón, á vez que se queixan de que este tipo de actuacións afectan de forma negativa á actividade e desenvolvemento económico de todo o norte de España e, en particular, á industria turística que, lembran “converteuse nun recurso de primeiro nivel no emprego e a creación de riqueza, especialmente cando a industria do metal e electrointensiva atravesa unha preocupante situación”. A confusión xerada afecta á planificación de viaxes e paquetes turísticos, consideran desde o sector, onde cualifican de “ferinte” que mentres o norte atravesa esta situación ferroviaria, “noutras rexións de España están a porse en marcha liñas de ferrocarril de alta velocidade ‘low cost'”, en referencia ao servizo denominado AVLO. “É pertinente lembrar a inaceptable discriminación que sofre o norte no desenvolvemento das comunicacións”, afirman.

“É imprescindible que o Goberno aplique unha política para resolver dunha vez por todas e de forma definitiva a histórica carencia dun transporte ferroviario do século XXI”, afirman desde esta entidade, á vez que destacan que estes territorios teñen tamén problemas no resto dos seus sistemas de transporte, tanto por estrada como por avión.

Marca de viaxeiros nos aeroportos
A pesar das conexións aeroportuarias galegas, en moitas ocasións escasas e caras, como lembran en ‘A Forza do Norte’, o 2019 converteuse no exercicio marca en utilización da rede aérea galega ao pecharse con 5,26 millóns de viaxeiros, resultado da suma dos viaxeiros que usaron o tres terminais galegas. Nos casos de Lavacolla e Alvedro a cifra alcanzada foi a máis alta da súa historia, con 2,9 millóns de pasaxeiros, un 6,5% máis que o ano anterior, no caso da terminal compostelá e 1,35 millóns de viaxeiros, cifra que pulveriza a marca que a terminal herculina había marcado no 2007, no caso da coruñesa. Alvedro sobe así un 10,3% respecto ao ano anterior e sitúase como o 20ª aeroporto españo, mentres que Lavacolla sendo o terminal número 16 da rede de Aena en tráfico, con Menorca a menos de 600.000 pasaxeiros de diferenza. Peinador, por contra, perdeu un 10,4% respecto de 2018, con 117.418 viaxeiros menos, principalmente como consecuencia da perda de Ryanair.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn