A paisaxe galega xa está máis accesible a través da Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico da Xunta de Galicia

itinerarios paisajísticos

A paisaxe galega xa está máis accesible a través da Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico da Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio impulsa a Rede de Itinerarios de Interese Paisaxístico, que comprende case 4.500 quilómetros de percorridos organizados en catro tipos de sendas, unha iniciativa encadrada dentro da Estratexia da Paisaxe Galega 2017-2020 co obxectivo de xestionar, protexer e pór en valor a paisaxe galega baixo criterios técnicos de aproveitamento da rede viaria existente.

Elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio, o proxecto inclúe 56 etapas na Senda dous Faros, 109 itinerarios con valores naturais, 76 camiños de interese patrimonial e 25 rutas con valor panorámico. Todos eles figuran nun visor xeográfico, que está dispoñible para consulta e descarga a través do portal de información xeográfica da Xunta de Galicia. Tamén se inclúe unha ficha detallada para cada itinerario, con datos sobre o lugar de inicio e chegada da ruta, lonxitude e pendente media, mapa, perfil topográfico, elementos de interese e descrición dos seus valores naturais, culturais e/ou estéticos.

No caso da Senda dos Faros tívose en conta o Plan de Ordenación do Litoral de Galicia co obxectivo de trazar un percorrido no que se tivo en conta os elementos necesarios para a navegación mariña, polo que no non só se identificaron os faros, senón tamén torres, balizas, elementos xeográficos e outras construcións. Trátase dun percorrido orixinal de 1.315 km que se divide en 56 etapas, das cales tres son insulares.

Itinerarios con valores naturais, patrimoniais e panorámicos
Nesta rede aglutínanse o tres tipos de itinerarios que reflicten os valores paisaxísticos que recolle o Catálogo das Paisaxes de Galicia: naturais ou ecolóxicos, culturais ou patrimoniais e estéticos e panorámicos.

Así, entre os primeiros, destacan máis de 130 itinerarios que suman 1.400 km -sen contar os que coinciden dentro do grupo da Senda dos Faros- e para a súa identificación tívose en conta a existencia de Áreas de Especial Interese Paisaxístico, zonas de especial protección dos valores naturais, árbores e formacións singulares, áreas recreativas, lugares de interese xeolóxico e miradoiros. Os segundos son os itinerarios asociados aos valores culturais ou patrimoniais, que constitúen un total de 76 itinerarios ao longo de 707 km, dos cales 292 km (38 itinerarios) están vinculados a elementos declarados Ben de Interese Cultural, e outro 415 km (38 itinerarios) únaa elevada densidade de bens do patrimonio cultural.

Por último, tamén se definen máis de 1.000 km das rutas identificadas por Turismo de Galicia na publicación Escenarios ao volante. 25 rutas insólitas polas mellores paisaxes, que están directamente relacionadas cos valores estéticos e panorámicos definidos no Catálogo das paisaxes. A diferenza dos dous tipos de itinerarios anteriores, estas rutas discorren polas estradas e poden ser percorridas en automóbil.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn