O IGE publica un estudo sobre o impacto do turismo no territorio galego

informe indicadores IGE

O IGE publica un estudo sobre o impacto do turismo no territorio galego

Catro zonas do territorio galego Ría de Arousa, Terras de Santiago, A Coruña e as Mariñas e a Ría de Vigo e Baixo Miño aglutina o 65% do total da demanda turística en territorio galego. Son datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que fixo público un informe no que recolle diferentes indicadores da demanda turística no territorio galego, elaborado a partir dos datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e que lle permiten coñecer información con maior desagregación territorial a partir do catro enquisas mensuais que o INE realiza para coñecer a ocupación hoteleira, en cámpings, en apartamentos turísticos e en aloxamentos de turismo rural.

Con estes datos, o IGE elabora un conxunto indicadores que teñen por finalidade medir o impacto do turismo no territorio galego e que se ofrecen para o conxunto de Galicia e unha agregación dos concellos en 18 grandes destinos turísticos. Ademais, realízase un tratamento específico do litoral galego por tratarse dun foco de especial atracción turística. Así, e segundo recolle este informe, a demanda turística non se distribúe homogéneamente por todo o territorio galego, senón que tende a concentrarse en torno o catro grandes focos de atracción: os concellos que bordean a Ría de Arousa, Terras de Santiago, A Coruña e As Mariñas e a Ría de Vigo e Baixo Miño. Este catro zonas por si soas representan o 65% das noites rexistradas en Galicia en 2016 mentres que os seguintes destinos en importancia serían a Ría e Terras de Pontevedra (co 5,6% das noites), Lugo e Terra Chá (5,6%), a área de Ferrolterra (4,1%) e a Mariña Lucense (3,8%)

O informe tamén nos permite determinar o impacto do turismo no territorio. Sendo a media en Galicia de 1,01% o que significa que, nese ano, os turistas supuxeron o equivalente a 1,01 novos habitantes por cada 100 residentes habituais, a presión do turismo sobre os residentes na Ría de Arousa situouse en 2016 foi a máis alta, con 2,80 potenciais novos habitantes por cada 100 residentes habituais seguidoa de Santiago e nos concellos limítrofes, que foi de 1,90 turistas por cada 100 habitantes. Os outros tres destinos que superan a media galega foron os Ancares-Courel (1,04%), a Mariña Lucense (1,44%) e a Ribeira Sacra (1,43%).

Turismo estranxeiro concentrado nas áres de maior presión
En canto á procedencia deste turismo que chega ao noso territorio, o IGE establece que o 71% das noites rexistradas en 2016 corresponderon a turistas de fóra de Galicia, que se distribuíron preferentemente nos destinos con maior presión, onde o turismo foráneo supera amplamente ao galego. Así, en Santiago e nos concellos limítrofes supérase en 18,7 puntos á porcentaxe media galega: aquí o 89,7% das noites corresponderon a non residentes. Nos Ancares-Courel, Lugo e Terra Chá, a Mariña Lucense e na Coruña e as Mariñas tamén se supera a porcentaxe media de Galicia.

Con todo, en destinos como nos concellos da Ría de Muros e Noia, a proporción entre residentes en Galicia e non residentes está bastante máis igualada (o 49,5% corresponden a viaxeiros de fóra de Galicia) ye en zonas de interior como na zona de Manzaneda-Trevinca, a porcentaxe de viaxeiros galegos supera amplamente á de non residentes na Comunidade Autónoma. Neste último destino o 74,8% dos turistas residen en Galicia.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn