O Clúster Turismo de Galicia celebra dúas misións comerciais en Andalucía para dar a coñecer a oferta turística galega

ACTIVIDADES
prensacluster-11

O Clúster Turismo de Galicia celebra dúas misións comerciais en Andalucía para dar a coñecer a oferta turística galega

Un total de 45 empresarios galegos manterán encontros coa turoperación de Málaga e Sevilla en senllas xornadas de traballo

O CTG dá continuidade así aos workshops de proximidade que celebra desde fai tres anos co obxectivo de xerar sinerxías profesionais con Portugal e destinos nacionais.

Málaga e Sevilla foron os destinos nacionais elixidos este ano por parte do Clúster Turismo de Galicia para dar continuidade aos workshops de proximidade iniciados fai tres anos en destinos nacionais. Con esta iniciativa o CTG busca achegar a oferta turística galega a destinos accesibles a dous ou tres horas máximo en avión a través de accións que inclúan a promoción de destino pero tamén o contacto directo coa turoperación.

Con estas iniciativas, asegura o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, “profundamos na identificación de mercados de proximidade de interese, na mellora da comercialización e na promoción de destino que para o Clúster de Turismo é un labor fundamental que está en mans das diferentes administracións públicas pero que nós, como sector privado, complementamos xerando sinerxías moi positivas entre empresarios, facilitando encontros profesionais B2B nun contexto de axenda profesional que sabemos que é a mellor maneira de comezar a establecer relacións comerciais”.

A primeira parada destes workshops anuais celebrarase esta tarde en Málaga para continuar mañá en Sevilla, onde os 45 empresarios galegos participantes manterán reunións B2B cos profesionais andaluces aos que lles presentarán novos servizos, paquetes, aloxamentos e servizos para gozar do territorio galego.

Terceira edición dos workshops de proximidade
Tras Málaga e Sevilla, os workshops de proximidade de 2019 concluirán cunha xornada de traballo que se celebrará en Lisboa, o próximo 30 de outubro, dando por concluída a terceira edición dos Workshop de Destino de Proximidade do Clúster Turismo de Galicia, concibidos para achegar a oferta turística galega a destinos nacionais que reúnen as condicións perfectas para ser emisores de turismo nacional cara ao territorio galego.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn