O Clúster de Turismo de Galicia pon en marcha en agosto a súa primeira “Ruta Presume de Galicia”

ACTIVIDADES
Ruta Presume de Galicia A Coruña

O Clúster de Turismo de Galicia pon en marcha en agosto a súa primeira “Ruta Presume de Galicia”

A iniciativa, que percorrerá dez emprazamentos no catro provincias, supón un paso máis dentro da campaña Presume de Galicia iniciada hai agora dous anos

O Clúster de Turismo de Galicia, a asociación que agrupa a gran parte do sector turístico galego, pon en marcha durante todo o mes de agosto a primeira “Ruta Presume de Galicia”, unha campaña que se desprazará polas principais vilas e cidades da comunidade e que permitirá aos visitantes converterse nos encargados de reforzar a marca Galicia como destino turístico. Así, nos distintos emprazamentos elixidos haberá unha caseta de Presume de Galicia onde os visitantes poderán sacarse unha fotografía, subila á web www.presumedegalicia.com e participar en sorteos. O primeiro deles foi a Torre de Hércules, na Coruña, desde onde se desprazará a Foz, Padrón, Santiago, Sanxenxo, Vigo, Pontevedra, Lugo e Allariz.

Esta nova campaña de promoción turística nace a raíz do éxito de “Presume de Galicia”, unha comunidade en liña posta en marcha polo Clúster na que os usuarios se converten en “presumidores” da comunidade, compartindo na web www.presumedegalicia.com as súas fotografías preferidas de calquera punto do territorio galego. A iniciativa, que tivo unha gran aceptación, conta xa con máis de 100 mil usuarios repartidos entre a web e as diferentes redes sociais.

Unha cifra que non deixa de aumentar e que seguirá crecendo coa chegada desta ruta, que ao longo do mes de agosto repartirá merchandising vinculado á campaña, animando a coñecer mellor o destino e dando a coñecer os recursos turísticos do noso territorio.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn