O Clúster de Turismo de Galicia convida o sector a participar na creación de novos produtos turísticos para promocionalos a través da marca Galicia Destino Activo

ACTIVIDADES
WORKSHOPGDA-invitación

O Clúster de Turismo de Galicia convida o sector a participar na creación de novos produtos turísticos para promocionalos a través da marca Galicia Destino Activo

O Clúster de turismo de Galicia, mediante a marca GALICIA DESTINO ACTIVO, busca involucrar a todas as empresas turísticas do territorio galego nas súas accións para 2018. Para iso o grupo promotor de Galicia Destino Activo, vai celebrar unha xornada o próximo 24 de maio na Cidade da Cultura co obxectivo de dar a coñecer a marca e os obxectivos para este 2018. O encontro, cuxo prazo de inscrición xa está aberto, está dirixido a todas as empresas turísticas en territorio galego ás que se lles explicará as bases de participación para a creación de produtos turísticos a incluír na marca Galicia Destino Activo.

Esta primeira reunión de traballo ten así un dobre obxectivo: informativo, dando a coñecer a iniciativa e a marca, e de establecemento de sinerxías entre os participantes, xa que permitirán facilitar a creación de grupos de traballo heteroxéneos, por exemplo unha empresa de turismo activo, unha axencia de viaxes, un aloxamento e un guía. A xornada incluirá, ademais, tempo para o networking e roldas rápidas de presentacións das empresas que faciliten estes primeiros contactos, co fin de facilitar a creación de grupos de traballo.

Estes grupos de traballo reuniranse nun posterior encontro profesional no que poderán crear produtos turísticos propios que poidan ser comercializados por eles mesmos, pero tamén coa marca Galicia Destino Activo. Ademais, iranse dando pasos para celebrar outras actividades durante os próximos meses co fin último de achegar produtos innovadores relacionados co turismo activo a operadores turísticos de todo o mundo, centrándose naqueles mercados obxectivo marcados pola estratexia de Turismo de Galicia.

Para máis información sobre o proxecto ou a xornada visite a web xornada.galiciadestinoactivo.com ou escriba ao correo info@galiciadestinoactivo.com

Galicia Destino Activo é a marca de referencia de promoción do turismo activo de Galicia, que naceu en 2015 a partir do concurso de ideas do Clúster de Turismo de Galicia e que desde ese momento está a activar a promoción desta disciplina en mercados exteriores. Para iso o Clúster conta co apoio técnico do grupo promotor de Galicia Destino Activo, conformado pola Asociación Galega de Empresas de Turismo Activo (AGETAN), a operadora de turismo CN Travel, o grupo Caldaria e a Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI).

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn