O Camiño de Santiago a vela coa Travesía Náutica Xacobea

travesia nautica xacobea

O Camiño de Santiago a vela coa Travesía Náutica Xacobea

A iniciativa, impulsada por Xunta en colaboración con Asnauga, xa está operativa desde Ribadeo e desde Baiona, tras a finalización das obras no Monte Real Club de Iates.

Desestacionalizar o turismo en Galicia, impulsar o turismo náutico e a actividade dos portos deportivos da comunidade e ofrecer unha alternativa ás tradicionais rutas de peregrinación son os principais obxectivos de Travesía Náutica Xacobea, unha iniciativa da Xunta na que, ademais, participa Asnauga, a Asociación de Clubs Náuticos de Galicia. A Travesía Náutica Xacobea, que agora se pon en funcionamento na súa ruta do sur, é unha nova iniciativa impulsada pola Xunta para promover o Camiño de Santiago e diversificar a oferta. Esta travesía percorre trece do corenta e cinco portos deportivos da costa galega, que son os que contan coa certificación Q de Calidade Turística. A distancia mínima a percorrer para conseguir a Compostela é de noventa millas náuticas e han de selar en cada punto de paso a súa credencial de peregrino e poderana realizar tanto os posuidores de embarcación a vela propia co Pase Travesía Náutica Xacobea, que dá opción a descontos nos amarres e outras vantaxes, ou con embarcacións alugadas con ou sen patrón a través da Chárter Travesía Náutica Xacobea.

O Monte Real Club de Iates de Baiona é o porto de partida da ruta do sur, que pasa por Vigo (Real Club Náutico de Vigo), Cangas (Real Club Náutico de Rodeira), Sanxenxo (Club Náutico de Portonovo e Real Club Náutico de Sanxenxo), San Vicente do Mar (Club Náutico de San Vicente do Mar) e Cabo de Cruz (Club Náutico de Boiro).

Desde Boiro hai dúas posibilidades para chegar a Santiago. Pódese subir polo Río Ulla a Padrón ou Pontecesures e desde alí ir por terra até a capital galega ou seguir até Ribeira e continuar por Portosín e Noia para proseguir desde alí a pé até a tumba do apóstolo.

Ademais do sur, existe tamén unha ruta norte que parte desde o Real Club Náutico de Ribadeo e segue por Ares, Sada, A Coruña e Portosín, coas mesmas opcións para finalizar o camiño por terra que se se fixese desde Baiona. En ambos os casos, o sepulcro do Apóstolo Santiago é a meta da peregrinación xacobea por mar e a Oficina do Peregrino de Santiago o lugar onde os navegantes deberán presentar a súa credencial de peregrinos selada para recoller a Compostela.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn