Dúas novas rutas urbanas para os trens turísticos de Galicia

ACTIVIDADES
trenes turísticos

Dúas novas rutas urbanas para os trens turísticos de Galicia

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentou en Fitur a nova tempada dos trens turísticos nunha presentación na que anunciou que esta oferta turística ofrecerá un total de 56 saídas de onde trens, dous máis que o ano pasado. As novidades serán o “Tren Ourense termal”, que unirá Santiago coa cidade das Burgas e no que se prevén servizos ferroviarios de aproximación gratuítos desde Coruña e Vigo até Santiago; e o “Tren da Coruña”, que unirá Santiago de Compostela con Coruña, e que permitirá aos viaxeiros descubrir os atractivos desta cidade.
A directora de Turismo de Galicia anunciou ademais a reestruturación do Tren Termal e do Camiño do Norte, que pasará a denominarse “Lugo romano”, e o da Ruta da Lamprea, que incluirá unha visita á cidade de Tui.
Ademais, este ano os itinerarios e cronogramas do resto dos trens turísticos tamén serán revisados e modificados en diversos aspectos técnicos e nalgunha das visitas programadas coa intención de acomodarse ás suxestións e demandas que realizaron os viaxeiros durante o ano 2016.

Satisfacción dos usuarios do servizo
Castro sinalou que hoxe Galicia conta cun completo programa de trens turísticos distribuído por toda a Comunidade que permite vertebrar na tempada de maior demanda os principais valores da nosa oferta turística a través da rede ferroviaria galega. A responsable de Turismo da Xunta evidenciou o éxito dos trens turísticos de Galicia cos seus datos de ocupación. “Durante o ano 2016 alcanzaron un 88,30% de ocupación de xuño a setembro recibindo a viaxeiros de 19 nacionalidades distintas”. Así mesmo, destacou o grao de satisfacción dos usuarios os cales dan unha valoración global do produto de 8,4 puntos sobre 10. “E algo moi importante, o 97,7% dos viaxeiros recomendarían o produto”, concluíu.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn