Crece a oferta de vivendas de uso turístico en Galicia, que alcanzan unha ocupación media en xullo do 70%

viviendas_turisticas Galicia

Crece a oferta de vivendas de uso turístico en Galicia, que alcanzan unha ocupación media en xullo do 70%

As vivendas de uso turístico creceron nos últimos meses en Galicia, chegando a un total de 9.075 segundo os datos do Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT), unha cifra case o dobre maior que as 5000 que se rexistraban en marzo de 2018, o que supón que catro de cada cinco municipios galegos contan con aloxamentos deste tipo. En canto ao número de prazas ofrecidas, xa pasa das 46.000 neste tipo de aloxamentos, moi próximo ás 55.000 que oferta o sector hostaleiro da comunidade. Á cabeza, e con moita diferenza, sitúase o municipio pontevedrés de Sanxenxo, con 1.646 vivendas rexistradas, o triplo das que ten o seu inmediato seguidor, o  concello de Santiago de Compostela, onde os turistas poden elixir entre 585 vivendas.

Desde a Xunta destacan que a chegada deste tipo de aloxamentos non produciu “unha gran conflitividade ou unha gran perda de convivencia”. “Os alugueres turísticos”, asegurou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, representan “unha nova modalidade que é compatible cos establecementos hostaleiros normais” e recalcou a necesidade de regulalas. Galicia foi pioneira coa posta en marcha dun decreto  e dun rexistro no que están anotados estes establecementos.

Sobre o crecemento exponencial da oferta, o conselleiro matizou que “en Galicia está a crecer, pero non ten a escala doutras comunidades”, comparando as cifras da nosa comunidade co exemplo de Cataluña onde existen 80.000 establecementos deste tipo.

O incremento deste tipo de aloxamento fixo que a ocupación caia este ano por segundo ano consecutivo segundo os datos de Aviturga, a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia. Durante o mes de xullo ocupáronse o 72,4 % das prazas ofertadas na comunidade, fronte ao 75 % rexistrado no mesmo mes do 2018, un mes onde xa caeran 10 puntos porcentuais con respecto a 2017. “Produciuse un importante incremento de aloxamentos no mercado para idéntica demanda”, sinalan desde a asociación. Destinos urbanos como A Coruña e Santiago de Compostela alcanzaron datos de ocupación similares aos do ano anterior, roldando o 79 %, seguido de  Sanxeno, que alcanza unha ocupación do 77% das súas prazas, superando a media de Galicia e mellorando as súas cifras do pasado ano que se situaban nun 74%. A provincia de Pontevedra lidera a clasificación de ocupación cun 74%, seguida da provincia da Coruña, cun 72,5 %, Lugo 72 % e Ourense 71,25 %.

En canto ao perfil de usuarios, a maioría dos que optan por estes aloxamentos son familias de entre 2 e 4 membros, de orixe nacional, que buscan descanso e tranquilidade e valoran especialmente o prezo e a comodidade.

 

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn