A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de subvencións a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa O teu Xacobeo.

O obxectivo é converter o Xacobeo 21 no máis participativo celebrado ata agora, propiciando a transparencia e igualdade de oportunidades. Así, por primeira vez, calquera cidadán ou entidade, tanto pública como privada, poderá presentar as súas propostas para levar a cabo na antesala do vindeiro Ano Santo.

Dotado cun investimento de 2 millóns de euros, O teu Xacobeo concederá, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións a novos proxectos de dinamización ao longo deste 2019 e ata abril de 2020. A través desta iniciativa, o Goberno galego busca implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade para deseñar xuntos unha programación sociocultural que anticipe a celebración do Xacobeo 21 e a súa repercusión.

Deste xeito, definirase conxuntamente o seu contido desde unha perspectiva multidisciplinar e plural, impulsando ao mesmo tempo o desenvolvemento sustentable do territorio. Poderán optar a estas axudas económicas tres tipos diferentes de solicitantes: entidades locais (concellos galegos, mancomunidades de concellos, consorcios locais e as deputacións provinciais), entidades privadas (persoas físicas ou xurídicas constituídas baixo forma mercantil ou civil e as comunidades de bens que están comprendidas na definición de pequena e mediana empresa) e entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro.

No caso de entidades públicas, abrirase unha liña de 875.000 euros, grazas á cal os concellos de menos de 3000 habitantes recibirán ata 10.000 euros por proxecto; os de 3000 a 10.000 habitantes, un máximo de 15.000 euros por proxecto; os de 10.000 a 50.000 habitantes, ata 25.000 euros por proxecto; e os de máis de 50.000 habitantes un máximo de 50.000 euros. Para as entidades privadas, disporanse 825.000 euros adicionais que cubrirán un máximo do 60% ata 25.000 euros. Finalmente, para entidades sen ánimo de lucro consígnanse 300.000 euros, con axudas polo 90% do proxecto presentado e ata 20.000 euros.

Áreas subvencionables

O teu Xacobeo abrangue un total de cinco áreas subvencionables: ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social.

O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, artesanía, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas (teatro, danza, novo circo, etc.), literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, conferencias, xornadas de formación, programas de intercambio con expertos doutras nacionalidades, charlas educativas en colexios, etc.

En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribúan a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial. Tamén a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas (por exemplo: catas e degustacións, charlas, talleres, actividades de formación e intercambio, publicacións, feiras e outras).

No ámbito deportivo prevense eventos de calquera disciplina deportiva, con especial atención ás actividades non profesionais e para todos os públicos. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas, clases en grupo e tamén disciplinas relacionadas co benestar, o fomento da vida activa e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla os programas de voluntariado, sociais e/ou educativos que fomenten a inclusión e participación.

Na repartición das subvencións os proxectos presentados valoraranse como criterios principais a pertinencia, calidade do contido e das actividades, comunicación e difusión, viabilidade e sustentabilidade. Así, avaliarase se se axusta aos obxectivos e prioridades da estratexia do Xacobeo 2021 especificada nas directrices aprobadas tanto polo Consejo Jacobeo a nivel nacional como pola Comisión Organizadora do Xacobeo 21 en Galicia. Tamén se terá en conta como se implementan na práctica ou en que medida contribúe á difusión dos valores e obxectivos asociados ao Ano Santo.

A presentación das solicitudes realizarase preferentemente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. O prazo remata o 15 de febreiro.

Participación e sustentabilidade

O teu Xacobeo forma parte de toda unha serie de medidas coas que o Executivo autonómico está a sentar as bases do vindeiro Ano Santo e que contan, a través da Consellería de Cultura e Turismo, cun investimento total de 30 millóns de euros.

O Xacobeo 21, concibido como unha cita que vai máis aló dun ano concreto, amplía o seu alcance e pegada tanto aos anos anteriores como aos posteriores, convertendo esta celebración en motor de desenvolvemento e dinamización de Galicia. Para iso conta con cinco piares fundamentais: planificación, participación de toda a sociedade, o seu carácter global, a proxección internacional e a sustentabilidade.

15 de Xaneiro de 2019
xacobeo 21

A Xunta abre a convocatoria de subvencións do programa O teu Xacobeo

A Consellería de Cultura e Turismo publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a convocatoria de subvencións a proxectos novos de dinamización do Xacobeo 2021 dentro do programa […]
09 de Xaneiro de 2019
Plan de formación 2017

Cultura e Turismo pon en marcha talleres formativos para profundar nas oportunidades empresariais na atención ao peregrino

Os asistentes reciben de maneira participativa as ferramentas necesarias para ofrecer un servizo de calidade aos viaxeiros e peregrinos A Consellería de Cultura e Turismo, a […]
02 de Xaneiro de 2019
QdeCalidad

Cultura e Turismo apoiou a preto de 200 empresas galegas no seu proceso de certificación da Q de Calidade

Un total de 172 empresas do sector turístico galego foron as beneficiarias da convocatoria de axudas convocadas este ano pola Consellería de Cultura e Turismo, a […]
26 de Novembro de 2018
jornada de clausura

A experiencia do cliente sitúase como elemento clave e de futuro para o sector turístico

Dous relatorios e unha mesa redonda en torno ao cliente centraron a xornada de peche oficial do Plan de Formación do Clúster Turismo de Galicia A […]