Camiño de Santiago Termal, unha iniciativa de Balnearios de Galicia orientada ao descanso do peregrino

ACTIVIDADES
Camino de Santiago termal

Camiño de Santiago Termal, unha iniciativa de Balnearios de Galicia orientada ao descanso do peregrino

Co obxectivo de ofrecer un produto turístico especializado orientado a un nicho de mercado como poden ser os peregrinos “premium”, Balnearios de Galicia lanzou un novo proxecto, Camiño de Santiago Termal, que foi presentado oficialmente na pasada edición de Termatalia México nun acto que contou coa participación de numerosas axencias de viaxes tanto nacionais como estranxeiras dunha quincena de paises de Europa e América.

Promovido pola Asociación de Balnearios de Galicia co apoio do Clúster de Turismo de Galicia, a iniciativa conta coa participación de 14 balnearios de toda Galicia que ofrecen aloxamento e tratamentos termais vinculando o termalismo co Camiño de Santiago, dous dos produtos turísticos galegos con máis proxección internacional. O programa “Camiño de Santiago Termal” pon en valor o poder regenerador do Termalismo para facer que os peregrinos poidan recuperar forzas e consentir o seu corpo tras as extenuantes xornadas a pé, cabalo ou bicicleta.

Na presentación do programa “Camiño de Santiago Termal” participaron o presidente do Clúster da auga Mineral e Termal de Galicia e de Balnearios de Galicia, Antonio Garaloces; o xerente de ambas as entidades, Benigno Amor; o secretario do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal; o xerente da maiorista de viaxes galega Luamar, José Luís López, e representante da Confederación Española de Axencias de Viaxes; o coordinador da Asociación Mexicana de Axencias de Viaxes, José Pedro Morais, e o director de Termatalia, Alejandro Rubín.

En toda América Latina e en especial en México, existe un gran coñecemento sobre o Camiño, de aí o interese en realizar a presentación desta iniciativa no marco da celebración da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, xa que se trata dun evento de carácter profesional no que se poden atopar o tipo de visitantes que busca este programa: peregrinos “premium” que conjuguen a experiencia do Camiño cun merecido descanso nun centro termal.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn