Arredor de 300 profesionais do segmento MICE asistiron ao congreso nacional de OPC

congreso OPC España 2017

Arredor de 300 profesionais do segmento MICE asistiron ao congreso nacional de OPC

O 29º Congreso Nacional de Empresas Organizadoras Profesionais de Congresos de OPC España, da que forma parte OPC Galicia, celebrouse en Lleida coa participación de case 300 profesionais deste sector nunha edición que estivo moi centrada no sector médico e que tamén serviu para seguir avanzando na construción de novos modelos de congresos, traballando conxuntamente OPCs e sociedades científicas “na procura dun novo modelo de congreso, que siga apostando pola formación continuada no sector médico. Un modelo innovador e que achegue valor engadido ao modelo existente”, indicou a federación de OPC España, impulsora do congreso.

Precisamente neste sentido as asociacións de profesionais advertían que posiblemente a asistencia a congresos médicos podería caer entre un 30% e un 50% nos próximos anos como consecuencia dos códigos de regulación máis estritos de Farmaindustria así como das dificultades burocráticas relacionadas con Facenda, que porían en perigo o financiamento deste tipo de congresos. Os asistentes destacaron que é necesario redeseñar o modelo de congresos e buscar un punto de encontro entre a industria e as sociedades científicas polo que se convidou á figura do OPC a entrar a formar parte neste proceso de innovación e creatividade para crear un novo modelo de congreso que siga apostando pola formación continuada dos profesionais do sector médico coa intención de formar “profesionais competentes”.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn