Aberto o prazo para optar ás 15 bolsas de formación nas oficinas de Turismo de Galicia e na área de estudos estatísticos

oficina de turismo pontevedra

Aberto o prazo para optar ás 15 bolsas de formación nas oficinas de Turismo de Galicia e na área de estudos estatísticos

Turismo de Galicia decidiu duplicar a oferta de prácticas tuteladas nas oficinas que a Comunidade autónoma xestiona na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo. Tamén se oferta por primeira vez unha praza na oficina do aeroporto de Santiago e ofrécese unha nova bolsa para investigación e análise de datos turísticos. Trátase dun total de 15 novas bolsas, o que supón seis máis que na anterior convocatoria. Esta nova repartición suporá que no marco do Xacobeo 2021 a Xunta duplicará o ano próximo a formación práctica nas oficinas da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo e que ofrecerá unha bolsa máis que até agora na cidade de Santiago de Compostela.

O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2020 e 2021 e os interesados poderán acceder a catro bolsas para realizar prácticas tuteladas en Santiago de Compostela: unha na oficina de turismo situada na praza de Mazarelos, dúas na oficina do Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, e, como novidade, ofrecerase tamén unha bolsa para a oficina de turismo do aeroporto de Santiago de Compostela.

De cinco meses a un ano

Tamén haberá dúas bolsas para a oficina turística da Xunta na Coruña, dúas en Lugo, dúas para a de Ourense, dúas en Pontevedra, e outras dúas en Vigo. En todos estes casos, terán unha duración máxima de cinco meses, cunha incorporación prevista en maio de 2020.

Xunto a estas bolsas, a convocatoria permitirá ofrecer outra na área de Estudos en Investigación de Turismo de Galicia. Neste caso, a duración sería dun ano, previsiblemente a partir de marzo de 2020 para realizar tarefas de investigación, tratamento e análise de datos turísticos na sede de Turismo de Galicia en Santiago de Compostela.

En todos os casos, as bolsas están dirixidas a profesionais titulados a partir de 1 de xaneiro de 2014, que, entre outros requisitos, deberán acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel Celga 4 e, no caso das oficinas de turismo, tamén o coñecemento da lingua inglesa. As solicitudes valoraranse en base a uns criterios obxectivos fixados nas bases publicadas no DOG e incluirán unha proba de coñecementos turísticos no caso das oficinas de turismo e unha proba de coñecementos prácticos no caso da bolsa na área de Estudos e Investigación.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn