A Coruña presenta un informe que avala o comportamiento positivo do sector e o perfil dos seus visitantes

turismo a coruña

A Coruña presenta un informe que avala o comportamiento positivo do sector e o perfil dos seus visitantes

O Consorcio de Turismo de Coruña presentou as principais conclusións do informe sobre comportamento turístico elaborado en colaboración coa Escola de Turismo da Coruña. Entre os datos que achega o estudo destaca o comportamento “moi positivo” do sector na cidade e revela que o perfil da persoa visitante procede do Estado de maneira maioritaria, pasa na cidade 4,2 días e gasta unha media de 56,3 euros.

“Ademais da información que obtivemos do perfil de turistas, estes traballos permítennos confirmar que a satisfacción das e dos visitantes sobre a nosa cidade é moi alta e que practicamente todos os elementos que conforman a oferta turístico-cultural da cidade melloran en puntuación con respecto ao ano pasado”, indicou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, durante a presentación do estudo, do que destacou tamén que os datos das enquisas “achegan tamén que A Coruña é considerada o principal destino de Galicia”.

Estas conclusións extráense a partir das 2.285 enquisas elaboradas polo alumnado da Escola de Turismo entre os meses de xullo e setembro de 2018 nas que se apuntan que o perfil de visitantes é maioritariamente español (84,7%) cun 10,9% de Galicia e un 73,80% procedente doutras comunidades, principalmente Madrid, Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana, e un 15,30% de estranxeiros, entre os que destacan os que chegan de Arxentina, Portugal, Francia e Reino Unido. As enquisas apuntan tamén a que o visitante escolle preferentemente un aloxamento en hoteis de catro e cinco estrelas e pasa na cidade unha media de 4,24 días.

No que se refire ao gasto diario durante a súa visita, os datos indican que a cantidade media de turistas e excursionistas é de 56,33 euros. Os índices reflicten que a percepción da cidade por parte dos turistas pode considerarse como moi positiva xa que a cualificación global é dun oito sobre dez e os e as visitantes volverían visitar A Coruña nun 98,7% dos casos.

Na valoración destes datos, o rexedor coruñés destacou que o crecemento turístico da cidade está a facerse segundo o Plan Estratéxico de Turismo (PET) e “desde un punto de vista sustentable, creando emprego e sen crear problemas aos veciños”, ademais de destacar os bos resultados que para a cidade herculina tamén se recolleron no último barómetro de Exceltur, que situaron o comportamento da Coruña durante 2018 como superior á media do Estado.

Neste sentido, os responsables do Consorcio tamén destacaron a importancia de contar con este tipo de estudos para coñecer os puntos fortes e débiles do destino segundo a experiencia do turista e cal é a súa evolución, ademais de avanzar no impacto económico do turismo na cidade.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn