Turismo de Galicia reforza a promoción internacional do destino Galicia en Francia e Holanda

Turismo de Galicia reforza a promoción internacional do destino Galicia en Francia e Holanda

Turismo de Galicia participou en senllas feiras de carácter internacional que se celebraron en Francia e Holanda co obxectivo de achegar a oferta turística galega a estes mercados. En concreto, a entidade da Xunta que promove o turismo galego participou nas xornadas ‘España en Burdeos’ e ‘Día de España en Haarlem’, que permitiu aos visitantes a estas feiras coñecer máis polo miúdo a oferta turística da Comunidade galega e degustar produtos tradicionais da gastronomía galega.

No caso da xornada de España en Burdeos, que se desenvolveu entre os días 11 e 13 de xuño, Turismo de Galicia contou cun recinto de promoción na Praza da Vitoria de Burdeos, onde se ofreceu información turística da Comunidade galega ao numeroso público que asistiu a este evento, organizado pola Oficina de Turismo de España en París. Por outra parte, ao longo dos días 12 e 13 de xuño, representantes de Turismo de Galicia participaron na promoción ‘Día de España en Haarlem’, unha cidade holandesa próxima a Amsterdam, na que se puido presentar a oferta turística galega aos milleiros de persoas que se achegaron ata a igrexa de Saint Bavo, lugar no que se desenvolveu este acto de difusión turística.

Mercados en crecemento

Os mercados francés e holandés medraron un 13,2% e un 26,7%, respectivamente, nos primeiros catro meses de 2015 en relación ao mesmo período do ano anterior. O mercado turístico francés rexistrou, no primeiro cuadrimestre deste ano 2015, un incremento importante nos establecementos hoteleiros de Galicia, superando nun 13,2% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 16,4% o número de noites do mesmo período do pasado ano. En canto aos viaxeiros holandeses, nos catro primeiros meses deste ano 2015, Galicia rexistrou tamén un notable incremento deste mercado nos seus establecementos hoteleiros, superando nun 26,7% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 24,1% o número de noites en relación ao mesmo período do pasado ano.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn