Novo máximo histórico de turistas estranxeiros en Galicia

Novo máximo histórico de turistas estranxeiros en Galicia

A nosa comunidade recibiu máis de 450.000 viaxeiros do mercado internacional nos seis primeiros meses do ano

Segundo os datos da Enquisa de Movementos Turísticos en Fronteiras (FRONTUR) Galicia recibiu entre xaneiro e xuño deste ano un total de 453.151turistas estranxeiros, cifra que supón un máximo histórico na comunidade e supera nun 12,6% a cifra do mesmo período do pasado ano 2014. Portugal, cun 50,6% dos turistas estranxeiros, foi o principal mercado internacional en Galicia neste primeiro semestre do ano. Séguenlle en orde de importancia Francia, co 13,6%, e Reino Unido, co 8,8% neste caso.

A nivel estatal produciuse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros neste período de tempo acadándose os 29,2 millóns. Neste caso o incremento foi do 4,2%, máis de oito puntos porcentuais por debaixo do crecemento rexistrado na nosa Comunidade.

En canto ao excursionismo internacional, Galicia recibiu un total de 1.650.370 excursionistas estranxeiros nos seis primeiros meses do ano. Portugal foi tamén o principal mercado do excursionismo rexistrado en Galicia, supoñendo o 90% das entradas dun só día na nosa Comunidade.

Record tamén para o mes de xuño

No que respecta ao mes de xuño, Galicia rexistrou un total de 96.786 turistas estranxeiros, cifra que supón un incremento do 11% en relación ao mesmo mes do pasado ano 2014. Con preto de 100.000 turistas Galicia acadou en xuño de 2015 a cifra máis elevada dos últimos catro anos. A nivel estatal rexistrouse tamén un incremento da cifra de turistas estranxeiros, do 1,4% neste caso, superando os 6,65 millóns de turistas internacionais neste mes de xuño. Galicia superou, deste xeito, o crecemento rexistrado a nivel estatal en máis de nove puntos porcentuais.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn