Camiño de Santiago, referente internacional imprescindible para vertebrar o turismo galego

kumano-kodo

Camiño de Santiago, referente internacional imprescindible para vertebrar o turismo galego

O Camiño de Santiago foi hoxe un dos grandes protagonistas do espazo dedicado a Galicia na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur, especialmente debido á presentación do Ano Xubilar da Misericordia que lle otorga un peso especial a este 2016. E é que, tal e como expresou tanto o presidente da Xunta, Núñez Feijóo na apertura oficial do stand de Galicia, como a propia directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a Ruta Xacobea segue a ser o produto turístico estrela, icona máis universal de Galicia e elemento diferenciador da oferta turística da comunidade galega.

Ambos dirixentes coincidiron en resaltar así mesmo que este Ano Xubilar contribuirá a incrementar a afluencia de peregrinos e turistas á comunidade galega, un pulo que axudará no camiño de acadar o obxectivo fixado para este ano dos 5 millóns de viaxeiros.

Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta sinalou que a Xunta de Galicia poñerá en marcha un plan de actividades culturais que ampliará a oferta turística da nosa comunidade. “O obxectivo é dinamizar culturalmente os territorios para todos aqueles viaxeiros que queiran descubrilos desde outra perspectiva”, explicou.

Un Camiño accesible
Nesta primeira xornada de Fitur, o salón de actos do stand galego acolleu a presentación da Guía del Camino de Santiago Accesible para todas las personas que, organizada por Predif.

Esta nova guía facilita ás persoas con diferentes discapacidades información concreta sobre a accesibilidade do Camiño de Santiago e da súa oferta turística complementaria. Así, a través da mesma, promóvese a accesibilidade universal e a aplicación dos criterios de deseño para todas as persoas nas diferentes rutas do Camiño en Galicia.

Deste xeito, grazas a esta publicación, os turistas con discapacidade e outras necesidades diversas, dispoñerán de información sobre a accesibilidade das distintas etapas do Camiño de Santiago e os seus recursos turísticos, facilitándolles a planificación da súa experiencia.

Unha ferramenta fundamental para que todos, sen ningunha distinción, podan gozar deste itinerario de referencia a nivel mundial.

O irmán xaponés

Por outra parte, o espazo galego albergou unha presentación sobre a ruta de peregrinación xaponesa Kumano Kodo, irmandada co Camiño de Santiago dende 1998.

Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou os numerosos actos e intercambios realizados ao longo destes anos tras a declaración oficial de amizade como camiños irmáns destas dúas rutas declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO que, segundo explicou, mostran as boas relacións mantidas entre a prefectura de Wakayama e a comunidade galega.

A responsable de Turismo da Xunta explicou que estas dúas terras, aínda que se encontran afastadas entre si, contan con grandes características que as unen como destinos.

Nava Castro sinalou que o pasado ano foron un total de 1.197 os peregrinos procedentes de Xapón que realizaron o Camiño de Santiago o que supón un incremento do 9,3% e en relación ao ano anterior e demostra o interese que esperta neste país a Ruta Xacobea.

Share on FacebookShare on Google+Tweet about this on TwitterShare on LinkedIn